ICAP 2014:Da crise ao benestar sostible.

Na súa vixésimo oitava edición, o Congreso de Psicoloxía Ambiental Aplicada(ICAP) reuniu uns 4500 participantes provintes de máis de 100 países. Durante a reunión, con sede en París e levada a cabo entre os días 8 e 13 de Xullo, lembrouse o estimulante da época actual para o campo da Psicoloxía Aplicada nun momento en que se está a traballar en conexión coas diversas crises sociais. Entre os citados na capital francesa, o Profesor Ricardo García Mira da Universidade da Coruña asistiu como director do Grupo Persoa-Ambiente e en calidade de presidente da  “Asociación Internacional para o Estudo da Persoa-Ambiente”(IAPS).

Repasáronse as novidades e novas tendencias neste campo do coñecemento tanto académica coma profesionalmente e reafirmouse o compromiso desta disciplina na promoción e visibilización dun modelo de benestar máis sostible.

Aproveitando a reunión declarouse publicamente o apoio da Conferencia aos Obxectivos para o Desenvolvemento Sostible (2015-2030) da Organización das Nacións Unidas: acabar coa pobreza, promover o crecemento económico baixo condicións de traballo dignas, a redución da desigualdade, combater o cambio climático, promover ecosistemas sostibles e lograr unha paridade entre xéneros, educación de calidade e a construción de sociedades pacíficas, inclusivas e xustas para todos e todas.

Así mesmo salientáronse as dimensións da saúde mental e o benestar como aspectos fundamentais para a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e recomendouse a inclusión do “dereito ao benestar, entendido como un nivel alto de saúde mental e física,”.

A participación do Profesor García Mira traduciuse en dous relatorios sobre a predición do comportamento sostible no eido laboral, enmarcados dentro do Proxecto LOCAW e onde se afondou nos factores organizacionais e individuais da conduta pro-ambiental. Para rematar, e como representante de IAPS, o profesor da UDC asistiu como convidado a unha recepción privada ofrecida polo Comité Organizador do Congreso Europeo de Psicoloxía, cuxa celebración está prevista para o ano que vén en Milán.


Copyright 2012 © Grupo de Investigación Persona-Ambiente