Clausura a 23 Conferencia de IAPS cun papel destacado do Grupo de Investigación Persoa-Ambiente da UDC.

O pasado 27 de xuño rematou a vixésimo terceira edición da Conferencia de IAPS cun balance moi positivo para os membros do Grupo Persoa-Ambiente. Dúas das investigadoras doutorandas, Amalia Fraga e Isabel Lema, presentaron os seus proxectos en sesións baixo os títulos “Educación Ambiental, participación pública e procesos de abaixo a arriba” e “Avaliación Psicosocial en contornas organizacionais” respectivamente. Insertas na Psicoloxía Social ditas pesquisas amosan por unha banda a importancia e función transformadora da Psicoloxía Social e por outra analizar como certas modalidades laboráis como o traballo a quendas afectan á calidade de vida de traballadores e traballadoras.

Os profesores Ricardo García Mira e Adina Dumitru presidiron varios paneis de presentación durante a Conferencia e participaron da exposición final de resultados do Proxecto Locaw, pechado o pasado Decembro e que se atopa agora nunha fase de devolución dos resultados á cidadanía. Alén do anterior e na liña dos novos proxectos do Grupo, afondouse no emprego de técnicas de investigación e aproximacións teóricas aos estudos sobre a sostenibilidade e de apoio ás transicións cara modelos socio-ambientalmente responsables. A construción de escenarios de futuro e modelados baseados con axentes foron presentadas como ferramentas moi eficades ao aplicalas no estudo das transicións locais en canto a patróns de consumo, producción e uso do tempo. As sesións remataron destacando a necesidade de estabelecer novas axendas de investigación académica que recollan os retos da sostenibilidade e o cambio climático.

A disertación do Profesor García Mira sobre o rol da Psicoloxía Ambiental nas transicións cara a  sostenibilidade foi o colofón da Conferencia. Nesta, describiuse a Psicoloxía Ambiental como recurso para comprendermos  aspectos cruciais dos problemas globais, como metodoloxía de exploración das interaccións entre personas e o seu medio e que ten destapado problemas e barreiras ao troco nas sociedades europeas. Porén, García Mira destacou o papel que a Psicoloxía Ambiental pode xogar no deseño de políticas que atendan aos desafíos das sociedades occidentais e reivindicou a necesidade de colaboracións académicas transdisciplinares e con actores da sociedad civil para atopar  solución democráticas aos problemas da sustentabilidade no século XXI.


Copyright 2012 © Grupo de Investigación Persona-Ambiente