Publícase o Informe Final de Investigación do Proxecto LOCAW.

As grandes organizacións son responsables dunha grande cantidade de emisións de efecto invernadoiro. Estas, orixínanse nos procesos produtivos e mais por efecto de condicionantes externos determinados polas regras de funcionamento do sistema económico no que se atopan insertas as empresas e no que desenvolven a súa actividade. Como resultado das novas normativas estatal e europea, as corporacións teñen comezado xa a desenvolver mecanismos para reduciren o seu nivel de emisións á atmosfera.

Segundo demostrou o Informe Europeo para o Desenvolvemento Sostible de 2009, estas estratexias non son abondo para asegurar un descenso significativo nos niveis de polución. Nese contexto, entre 2011 e 2013 o Grupo de Investigación Persoa-Ambiente participou e coordinou un Consorcio Europeo de Universidades nun proxecto sobre as barreiras  e factores promotores das mudanzas cotiás cara modelos de vida máis sostibles.

Pincha  aquí para descargar

O proxecto LOCAW, centrouse en analizar os comportamentos de traballadores e traballadoras de grandes organizacións privadas, como Volvo ou Shell e do persoal de institucións públicas como é o caso do Concello de Groningen(Países Baixos) e da Universidade da Coruña.

O informe final do proxecto, agora editado e dispoñible para a súa descarga libre, recolle entre as súas principais conclusións que malia que a sostibilidade é xa un obxectivo integrado para unha meirande parte das grandes empresas, isto aínda non se traduce en medidas concretas que podan axudar a modificar a conduta cotiá do persoal e tornala dese xeito máis responsable co medio ambiente.

So o obxectivo de avanzar cara un modelo empresarial baixo en carbono, LOCAW ten identificado a importancia de incidir nas normas sociais, motivacións e coñecemento individuais. A modo de propostas na práctica, o proxecto aposta pola promoción de sistemas de reputación que premien as condutas máis sostibles, ter en consideración a interdependencia entre o comportamento na esfera privada e no eido laboral e a conveniencia de creares canles de participación e decisión compartida para promover unha maior implicación e asimilación das medidas por parte dos e das traballadoras.


Copyright 2012 © Grupo de Investigación Persona-Ambiente