O papel da comunidade universitaria ante a crise social e ambiental a debate.

Como segunda sesión de traballo e baixo o título “Experiencias de transformación social en Galicia. Procesos de transición cara economías responsables e estilos de vida sostibles”, o pasado día 5 de Xuño, o Grupo de Investigación organizou un obradoiro  de achega a diferentes iniciativas de economía social que desenvolven a súa actividade en Galicia. A xornada reuniu preto de 30 persoas pertencentes a entidades de economía social  activas no territorio como Fiare, Amarante Setem, Zocamiñoca, A Xoaniña, Millo Miúdo e o Banco de Tempo do Concello de Burela así como profesorado e persoal universitario da UDC. Presentáronse as liñas de traballo do equipo Persoa-Ambiente e a experienza das iniciativas convidadas e estabelecéronse as bases para unha colaboración a longo prazo.

Ricardo García Mira e Adina Dumitru, como coordinadores do evento, salientaron que as razóns para investigar estes temas veñen motivadas pola necesidade de dar resposta a problemas sociais e aportar coñecemento que axude, dende as Ciencias Sociais, ás persoas e organizacións a impulsar procesos de transformación social. Por outro lado a Unión Europea, a través de proxectos de investigación como GLAMURS e TRANSIT, busca coñecer como estas iniciativas poden chegar a cubrir baleiros dun xeito creativo e respostar a problemáticas sociais ás que o Estado non chega.

Dentro da aplicabilidade dos proxectos e das posibilidades de traballo conxunto, mostrouse que unha das aplicacións prácticas destes proxectos é coñecer as motivacións polas que unhas persoas participan nas iniciativas de transformación social e outras non. Así mesmo, un  dos obxectivos do proxecto TRANSIT é a elaboración dunha “caixa de ferramentas prácticas” que podan ser empregadas polas iniciativas (modelos  de financiamento, técnicas de comunicación dos discurso de transformación, indicadores de autoavaliación da dimensión social dos proxectos). Froito do debate, que se estruturou en oito temáticas, concluíuse que as sinerxías entre Universidade e iniciativas  permitirían deseñar mecanismos máis eficaces á hora de espallar os  discursos e xustificar as prácticas das entidades convidadas ao tempo que aportaría  un coñecemento directo das iniciativas transformadoras para así poder integralas como casos de análise nos proxectos do Grupo.No longo prazo, o interese situouse na actuación conxunta a modo de  plataforma. Dunha banda poderiase aumentar a rigorosidade e coherencia dos discursos das entidades e por outra facilitar o traballo en rede e a construcción de coñecemento compartido entre iniciativas de economía social a nivel internacional.Ricardo García Mira, director do Grupo de Investigación Persoa-Ambiente explicou que o GRIPA é un grupo de investigación multidisciplinar que basea o seu traballo no comportamento social e na predición e modelado da conduta social. Dende a responsabilidade social que implica traballar con recursos públicos quérese mediante colaboracións como esta, facer fincapé na devolución do traballo do equipo á cidadanía, amais de crear unha ponte entre resultados e políticas prácticas, obxectivo que se queren integrar nos  proxectos GLAMURS  e TRANSIT, que se desenvolverán nos vindeiros 3 anos.


Copyright 2012 © Grupo de Investigación Persona-Ambiente