A UDC aposta pola co-produción de coñecementos para acadar unha Europa cunha menor pegada de carbono.

Remata a tarde do 3 de Marzo coa clausura da xuntanza internacional “Dialogues on Theoretical Development and Modeling towards Sustainability” na Universidade da Coruña. A reunión, que durou dous días, reuníu na Coruña unha treintena de expertos europeos en materia de sustentabilidade. Dende diferentes ramas das Ciencias Sociais como a Economía e a Psicoloxía pero tamén dende a Enxeñería Informática ou a Ecoloxía Industrial, achegáronse posturas para seguir traballando no proxecto europeo GLAMURS, coordinado polo Profesor García Mira e que rematará en 2016.

Na sesión do día 3 debateuse sobre como integrar o traballo desenvolto polos diferentes equipos das 11 Universidades Europeas que participan no Consorcio de Glamurs, baixo o patrocinio do Programa Horizonte 2020 da Comisión Europea. En concreto traballouse no deseño dunha enquisa internacional, un modelado de futuro baseado en axentes e a análise econométrica, ferramentas que se desenvolveran nas seguintes etapas do proxecto. Tamén estas, ofrecerán as chaves para entender os estilos de vida sostibles xa presentes nas rexións nas que se centra Glamurs e como sería posible espallalas no continente europeo.

En concreto e ao longo do proxecto, afondarase no coñecemento de sete rexións e iniciativas punteiras na transición cara os estilos de vida sostibles en Europa. Entre estas lístanse os casos de Aberdeen e as iniciativas para reducir a dependencia do petróleo en Escocia, o cooperativismo en enerxías limpas na zona central de Alemaña, as ecoaldeas presentes en Timis (Romanía), as iniciativas agroecolóxicas e de construción sostible da zona do Danubio -bosque de Bohemia en Austria, as propostas de transición nos arredores de Rotterdam e a zona de Lazio en Italia. Pola súa parte, o Grupo de Investigación Persona-Ambiente, dirixido por García Mira, centrarase no estudo de iniciativas galegas que traballan na área de alimentación,consumo e produción de roupa sostibles.

Ademáis dos investigadores que desenvolven o seu traballo na institución coruñesa, as sesións de debate teórico deste obradoiro internacional contaron coa participación de expertos investigadores das seguintes universidades e centros de investigación: University of Bath (Reino Unido), James Hutton Institute (Escocia, Reino Unido), University of Roma Tre (Italia), Norwegian University of Science and Technology (Noruega), e a Universidad de La Laguna .


Copyright 2012 © Grupo de Investigación Persona-Ambiente