Transformando a sociedade como consumidores

“Somos unha cooperativa porque o decidimos”; “Nesta cooperativa proxectamos todos os nosos desexos”, ou “a necesidade é aquelo que se interpón entre a vida e a satisfacción” son algunhas das frases que se escoitaron nas Xornadas de Cooperativismo e Autoxestión que a Cooperativa de Consumo  Responsable Zocamiñoca organizou o pasado sábado 17 de Outubro e a que asistimos Alberto Díaz Ayude e Helena Martínez, como parte do Grupo Persoa Ambiente.

O evento reuniu, ademais de membros de Zocamiñoca, http://www.zocaminhoca.org/, radicada na Coruña,  dúas iniciativas máis doutros puntos do Estado: L’Aixada, http://aixada.org/;grupo de consumo crítico que ten a súa base no barrio de Gràcia de Barcelona e La Garbancita Ecológica,http://www.lagarbancitaecologica.org/ cooperativa que desenvolve a súa actividade en Madrid dende o ano 1997.

Malia ser proxectos de dimensións e traxectorias moi diferentes,  o obxectivo da xornada foi o intercambio de experiencias e coñecementos entre as iniciativas como sistema de apoio mútuo. Varios dos retos plantexados durante os debates  resultaron comúns ás tres:  acadar unha mellor participación interna nos grupos de traballo e ser quen de adaptarse o propio crecemento sen desvencellarse dos principios fundacionais.

O aumento no número de cooperativas e grupos de consumo é un feito palpable en numerosas cidades e puntos da xeografía galega que fala da receptividade social que existe ante estas propostas, estreitamente vencelladas a saúde humana pero que respostan tamén a un desexo de cambio do sistema alimentario e da brecha rural-urbano. A novidade destas  reside ademais en que por primeira vez buscan unha transformación dende o lado do consumo, fronte aos cambios que históricamente véñense facendo desde o lado da produción. Segundo palabras da representante de L’Aixada, trátase de “facer prácticas de cidadanía dende o consumo, malia o paradoxo que isto poda supoñer dado que o consumo é un feito puramente individual”.

Dende comer mellor e ter acceso a produtos locais, este tipo de iniciativas buscan  fuxir do reducido papel que as sociedades modernas reservan para o consumidor e construir relacións de confianza cos agricultores e agricultoras, que participan tamén dos órganos de decisión das iniciativas. Para facelo, apostan por estructuras internas participativas e transparentes, o reparto rotatorio da meirande parte das responsabilidades e pola profesionalización doutras, as que “fan que a engranaxe funcione”.

E todo isto fano segundo din, para construir hexemonía e porque “non pode haber agroecoloxía sen consumo responsable que se ocupe de coidala e mimala”.


Copyright 2012 © Grupo de Investigación Persona-Ambiente