Apoiando os estilos de vida sustentables en Galicia.

Como podemos espallar estilos de vida e iniciativas que contribúan a reducir a pegada de carbono do noso territorio? Como facemos que os casos de sustentabilidade a nivel local se expandan a un nivel rexional e incluso supra-rexional? Estes son algúns dos interrogantes aos que o proxecto de investigación GLAMURS (acrónimo en inglés para Green Lifestyles, Alternative Models and Upscaling Regional Sustainability ) tenta dar resposta no seu periodo de vida, entre 2014 e 2017. O Proxecto FP7 está coordinado polo Grupo de Investigación Persoa-Ambiente da Universidade da Coruña e nel participan outros 10 centros de investigación e Universidades Europeas dentro da Estratexia da Comisión Europea contra o Cambio Climático e para a Economía Verde.

Un obradoiro participativo que contou co beneplácito de numerosas institucións públicas.

Neste marco a pasada fin de semana a Deputación da Coruña e o Grupo de Investigación Persoa-Ambiente organizaron no Pazo de Mariñán, en Bergondo, o Segundo Obradoiro para a Construción Retrospectiva de Escenarios de Futuro Sustentables de Galicia. O acto foi inaugurado polo Reitor da Universidade da Coruña, D. Julio Abalde Alonso, o Deputado Provincial D.Juan Penabad Muras, a Concelleira de Medio Ambiente da Coruña, Dna María García Gómez, o Deputado e Voceiro da Comisión contra o Cambio Climático no Parlamento de España, D. Ricardo García Mira e a Coordinadora do Proxecto Glamurs, Dna. Adina Dumitru.

Un grupo diverso de expertos e expertas en sustentabilidade de Galicia.

Como participantes contamos coa presenza dunha trintena de persoas provintes de toda Galicia vencelladas a asociacións ecoloxistas como ADEGA (Lugo) ou Fragas do Mandeo (Betanzos), Grupos de Consumo Responsable como Zocamiñoca (A Coruña) ou Carabuñas (Allariz), Técnicos de Medioambiente e Desenvolvemento Rural, Centros e Escolas de Educación Ambiental como a Granxa Barreiros (Sarria), Colectivos de Cultura Libre como Galiza Imaxinaria(Nigrán), Investigadores das tres Universidades Galegas, Persoal do Instituto de Estudos do Territorio (Santiago de Compostela) e a Delegación de Medioambiente da Xunta de Galicia en Ourense ou a Asociación decrecentista Véspera de Nada entre outros.

Inventariando problemas e propoñendo solucións para acadar a sustentabilidade futura en Galicia.

O obxectivo deste segundo obradoiro foi afondar nas visións de futuro que se comezaran a elaborar en Decembro do ano pasado, buscando desta vez chegar a facer

un inventario de problemas e solucións a nivel rexional, asi como propostas a implementar que permitirían que ese escenario desexado de futuro puidera ser factible na Galicia de dentro de 25 anos.

Tres rutas distintas cara a sustentabilidade: ecoeficiencia, suficiencia, crecemento ancorado socialmente

Tres identificáronse como as principais estratexias para que Galicia poda ser sustentable e reducir a súa pegada de carbono sustantivamente no ano 2040: a ecoeficiencia, a suficiencia e o crecemento ancorado socialmente. Segundo a primeira, Galicia sería no 2040 máis sustentable polo enverdecemento das tecnoloxías e o consumo (sectores renovables e consumo de proximidade, ecolóxico), o aumento da reciclaxe e reutilización de bens e materiais. Na visión da suficiencia, o noso territorio reduciría a súa pegada de carbono principalmente por un descenso nos niveis de consumo e demanda agregada. No crecemento ancorado socialmente, habería tamén un descenso da pegada de carbono da sociedade froito da caída dos niveis de demanda e consumo agregado pero a calidade de vida das persoas dependería xa de pequenas comunidades nas que se organizaría a vida cotiá e dentro das cales se redistribuirían os recursos.

Leer más»


Copyright 2012 © Grupo de Investigación Persona-Ambiente