Unha trintena de expertos e expertas definen no Pazo de Mariñán medidas para que Galicia sexa sustentable no 2040

Apoiando os estilos de vida sustentables en Galicia.

Como podemos espallar estilos de vida e iniciativas que contribúan a reducir a pegada de carbono do noso territorio? Como facemos que os casos de sustentabilidade a nivel local se expandan a un nivel rexional e incluso supra-rexional? Estes son algúns dos interrogantes aos que o proxecto de investigación GLAMURS (acrónimo en inglés para Green Lifestyles, Alternative Models and Upscaling Regional Sustainability ) tenta dar resposta no seu periodo de vida, entre 2014 e 2017. O Proxecto FP7 está coordinado polo Grupo de Investigación Persoa-Ambiente da Universidade da Coruña e nel participan outros 10 centros de investigación e Universidades Europeas dentro da Estratexia da Comisión Europea contra o Cambio Climático e para a Economía Verde.

Un obradoiro participativo que contou co beneplácito de numerosas institucións públicas.

Neste marco a pasada fin de semana a Deputación da Coruña e o Grupo de Investigación Persoa-Ambiente organizaron no Pazo de Mariñán, en Bergondo, o Segundo Obradoiro para a Construción Retrospectiva de Escenarios de Futuro Sustentables de Galicia. O acto foi inaugurado polo Reitor da Universidade da Coruña, D. Julio Abalde Alonso, o Deputado Provincial D.Juan Penabad Muras, a Concelleira de Medio Ambiente da Coruña, Dna María García Gómez, o Deputado e Voceiro da Comisión contra o Cambio Climático no Parlamento de España, D. Ricardo García Mira e a Coordinadora do Proxecto Glamurs, Dna. Adina Dumitru.

Un grupo diverso de expertos e expertas en sustentabilidade de Galicia.

Como participantes contamos coa presenza dunha trintena de persoas provintes de toda Galicia vencelladas a asociacións ecoloxistas como ADEGA (Lugo) ou Fragas do Mandeo (Betanzos), Grupos de Consumo Responsable como Zocamiñoca (A Coruña) ou Carabuñas (Allariz), Técnicos de Medioambiente e Desenvolvemento Rural, Centros e Escolas de Educación Ambiental como a Granxa Barreiros (Sarria), Colectivos de Cultura Libre como Galiza Imaxinaria(Nigrán), Investigadores das tres Universidades Galegas, Persoal do Instituto de Estudos do Territorio (Santiago de Compostela) e a Delegación de Medioambiente da Xunta de Galicia en Ourense ou a Asociación decrecentista Véspera de Nada entre outros.

Inventariando problemas e propoñendo solucións para acadar a sustentabilidade futura en Galicia.

O obxectivo deste segundo obradoiro foi afondar nas visións de futuro que se comezaran a elaborar en Decembro do ano pasado, buscando desta vez chegar a facer

un inventario de problemas e solucións a nivel rexional, asi como propostas a implementar que permitirían que ese escenario desexado de futuro puidera ser factible na Galicia de dentro de 25 anos.

Tres rutas distintas cara a sustentabilidade: ecoeficiencia, suficiencia, crecemento ancorado socialmente

Tres identificáronse como as principais estratexias para que Galicia poda ser sustentable e reducir a súa pegada de carbono sustantivamente no ano 2040: a ecoeficiencia, a suficiencia e o crecemento ancorado socialmente. Segundo a primeira, Galicia sería no 2040 máis sustentable polo enverdecemento das tecnoloxías e o consumo (sectores renovables e consumo de proximidade, ecolóxico), o aumento da reciclaxe e reutilización de bens e materiais. Na visión da suficiencia, o noso territorio reduciría a súa pegada de carbono principalmente por un descenso nos niveis de consumo e demanda agregada. No crecemento ancorado socialmente, habería tamén un descenso da pegada de carbono da sociedade froito da caída dos niveis de demanda e consumo agregado pero a calidade de vida das persoas dependería xa de pequenas comunidades nas que se organizaría a vida cotiá e dentro das cales se redistribuirían os recursos.

Entre algúns dos resultados máis salientables do obradoiro en canto a medidas e cambios precisos para que Galicia poda ser realmente sustentable no 2040 atopamos:

    • A meirande parte das medidas en prol da sustentabilidade identificadas no Obradoiro son consideradas urxentes ou moi urxentes e os participantes identificaron un grande potencial en Galicia para traballar nestes aspectos.
    • A sociedade civil organizada é sinalada como a principal responsable de facer virar o modelo actual de sociedade cara unha máis sustentable.
    • Os gobernos deberan “deixar facer” e fomentar políticas que impulsen as iniciativas cidadás na súa promoción de estilos de vida sustentables. Os gobernos deberan traballar para simplificar os procedementos administrativos e para eliminar obstáculos burocráticos. Hai debate sobre as función do Estado no futuro sustentable de Galicia. Dun Estado que deixa de ser o responsable de garantir uns estándares de vida á poboación a outro que cede terreno fronte as pequenas comunidades e limítase a xestionar demandas e propostas cidadás.
    • O sistema de gobernanza precisa ser global para acadar unha Galicia sustentable. Galicia non está illada e non o pode estar se quere ser sustentable e asegurar o benestar da poboación no 2040.
    • Unha visión máis holística da sociedade.Fuxida da visión antropocéntrica do mundo. Dun esquema xerárquico no que entendemos as nosas necesidades como sociedade e a economía por enriba da natureza, ter un territorio sustentable no futuro precisa de que invertamos ese orde xerárquico e pasemos a ver a nosa economía e a sociedade como subsistemas da biosfera, dependentes e integrados na natureza.
    • Os patróns de consumo teñen que cambiar e basearse na produción e consumo en circuítos curtos e de produtos de proximidade, reducindo envoltorios e stocks sobrantes. A concertación a nivel local da oferta e a demanda, a través de grupos de consumo sectoriais valórase como un cambio a adoptar.
    • Traballar menos, máis eficientemente e con maiores recursos para a resolución de necesidades.As xornadas laborais serán máis curtas no 2040 e as persoas terán máis tempo libre. Parte dese tempo libre extra adicarase a tarefas de reparación e manufactura de mobles e outros bens. A reciclaxe será máis sinxela e efectiva debido a que no futuro as compoñentes tecnolóxicas serán en maior medida compatibles, empregaranse estándares obrigatoriamente na maior parte dos sectores económicos e a produción de bens será modular.
    • Apostar pola sustentabilidade futura do territorio enténdese como unha aposta en primeiro termo pola calidade de vida e benestar da poboación.O benestar dos e as galegas precisa dun maior grao de autoestima e autocoñecemento da nosa propia cultura e patrimonio.          

Copyright 2012 © Grupo de Investigación Persona-Ambiente