SEMINARIO SOBRE INNOVACIÓN SOCIAL TRANSFORMADORA: “Motivacións, relacións e transformacións: O papel da aprendizaxe social na axencia individual e colectiva para a innovación social”.

O Grupo de Investigación Persoa-Ambiente organiza -no marco do proxecto europeo TRANSIT (http://www.transitsocialinnovation.eu)- o seminario internacional “Motivacións, relacións e transformacións: O papel da aprendizaxe social na axencia individual e colectiva para a innovación social”.

 O seminario terá lugar na Facultade de Ciencias da Educación (Salón de Graos, andar 1) da Universidade da Coruña (Campus de Elviña), os días 8 e 9 de Xuño de 2016 e nel participarán una trintena de investigadores e activistas expertos en procesos de innovación social transformadora.

Descarga o programa aquí:TRANSIT_3IW_ACoruna2016_V7 (1)

Obxectivo.

En TRANSIT, definimos a innovación social como un conxunto de “relacións cambiantes, que inclúen novas formas de pensar, facer, organizar e contextualizar”. Como acontecen estes cambios? Quen os potencia? Que papel xogan os distintos actores nestes procesos? Para dar resposta a estas preguntas, precísase unha comprensión maior dos distintos procesos de cambio dentro das iniciativas de innovación social actuais e das súas interaccións co contexto social, espacial e institucional máis amplo.

Porén, co fin de afondar neste coñecemento, o seminario “Motivacións, relacións e transformacións: O papel da aprendizaxe social na axencia individual e colectiva para a innovación social” centrarase nas propostas e respostas que as Ciencias Sociais – Psicoloxía, Ciencias Políticas, Socioloxía, etc.- poden aportar ás diversas problemáticas plantexadas polas iniciativas de innovación social, amosando os resultados máis salientables dos estudos empíricos que TRANSIT realizou sobre 20 redes internacionais de innovación social transformadora e sobre 40 iniciativas locais de innovación social.

O seminario xerará espazos de construción de coñecemento entre investigadores e activistas da innovación social co fin de aportar respostas ás seguintes preguntas: Por que emerxen as innovacións sociais?, Que tipo de motivacións inflúen no activismo social? Que novas relacións promoven as innovacións sociais? Que procesos de aprendizaxe social emerxen e contribúen á creación de novas relacións sociais (novas formas de pensar, coñecer, facer e estruturar a acción social e política)?

Información de interese para os participantes.

  • Lingua de traballo do seminario: INGLÉS
  • Destinatarios: o seminario está aberto á participación de investigadores e activistas expertos ou interesados nos procesos de innovación social transformadora.
  • Metodoloxía de traballo: a participación require a previa inscrición no seminario e o compromiso por parte do participante a asistir (cando menos unha sesión completa), ben sexa de conferencia plenaria ou sesións de discusión ou traballo en equipo. Proponse unha metodoloxía de traballo que favoreza o intercambio e transferencia de coñecemento, así como a construción colectiva de coñecemento baseada na discusión e resolución de problemas sociais plantexados por activistas e por investigadores do proxecto TRANSIT.
  • Modo de inscrición: enviar un correo electrónico a helena.martinez@udc.es cos seguintes datos: nome e apelidos, teléfono, e-mail, entidade á que pertence, xustificación do interese en participar no seminario.


Copyright 2012 © Grupo de Investigación Persona-Ambiente