Universidade e Concello da Coruña gañan un Proxecto Europeo Horizonte 2020 sobre Solucións Baseadas na Natureza.

Recentemente se coñecía a nova: Un Consorcio de 29 participantes composto por Universidades, PEMES e unha ducia de concellos de toda a Unión Europea desenvolverá CONNECTING, un proxecto de investigación encabezado polo Trinity College de Dublin e financiado pola Dirección Xeral de Innovación da Comisión Europea que terá 5 anos de duración e un orzamento de 11 millóns de euros. A Universidade da Coruña, baixo o liderado da Doutora Adina Dumitru, investigadora experta do Grupo de Investigación Persoa-Ambiente, e o Concello da Coruña, representado pola edil de Medio Ambiente, Dona María García Gómez, forman parte de esta rede que traballará de xeito conxunto co obxectivo de xerar e aplicar na práctica as denominadas “Solucións que empregan a Natureza” en distintas cidades europeas, así como de estudar os efectos das mesmas na mitigación e adaptación ao cambio climático, saúde física e psicolóxica das persoas residentes, cohesión social e dinamización económica. O proxecto fará demostracións a grande escala deste tipo de solucións e as avaliará co obxectivo de estimula-la creación dun mercado global de tecnoloxías e procesos baseados na natureza para a rexeneración urbana.

Onte día 24 de Xaneiro do 2017, tivo lugar no Reitorado da Universidade da Coruña unha rolda de prensa de presentación de CONNECTING, na cal participaron:

  • D. Xulio Xosé Ferreiro Baamonde, Alcade da cidade da Coruña.
  • D. Julio Abalde Alonso, Reitor Magfco. da Universidade da Coruña.
  • Dna. María García Gómez, Concelleira de Medio Ambiente do Concello da Coruña.
  • Dna. Adina Dumitru, Coordinadora do equipo investigador español da Universidade da Coruña.
  • D.  Ricardo García Mira, Profesor de Psicoloxía Social e Ambiental da Universidade da Coruña e membro da Comisión do Cambio Climático do Parlamento.

O proxecto CONNECTING, conxuntamente con outras tres propostas aprobadas na mesma convocatoria, tratará de sustentar o liderado de Europa na creación e avaliación de Solucións Baseadas na Natureza.

Que son e cal é o interese destas solucións para as urbes europeas? A literatura académica e as experiencias prácticas de cidades pioneiras en materia de sustentabilidade, amosan que os proxectos que empregan a natureza nas contornas urbanas incrementan a calidade de vida da súa poboación e a cohesión social, aumentan tamén a capacidade de resposta e a adaptabilidade dos territorios perante os riscos; xerando ao mesmo tempo oportunidades económicas sostibles a nivel local.

Existe un amplo abano de solucións baseadas na natureza, desde os teitos verdes á creación de áreas de retención natural de augas, sendas peonís ou carrís bici; todas elas son medidas que teñen entre os seus obxectivos diminuír o impacto da actividade humana no medio ambiente. Pero, se limita este efecto ao impacto ambiental? CONNECTING avaliará tamén os seus impactos positivos no eido económico e social, cando ditas solucións son desenvoltas seguindo unha lóxica integral, involucrando aos grupos de interese locais e estimulando a creación de novas oportunidades económicas.

Así, a Universidade da Coruña liderará o traballo de creación e avaliación dun marco de referencia para as Solucións Baseadas na Natureza, que servirá de base empírica para a xeración dun mercado global das mesmas. Neste senso, o Grupo de Investigación Persoa-Ambiente colaborará cos investigadores e investigadoras doutros centros europeos para a elaboración deste traballo de documentación, catalogación e avaliación en tempo real.

Nun contexto de recesión económica, CONNECTING estudará modelos de desenvolvemento urbano que utilizando a natureza foron cruciais para a rexeneración socio-ambiental de cidades coma Glasgow en Escocia, Genk en Bélxica ou Poznan en Polonia. Máis aló de afondar en casos modélicos, CONNECTING xerará unha rede de intercambio de coñecemento e aprendizaxe colaborativo, onde as cidades serán laboratorios vivos de creación de solucións, e na que se integrarán cidades europeas e non europeas, que traballarán a prol da identificación de oportunidades e barreiras para acelerar a adopción de medidas de sustentabilidade e innovación urbanas. Nunha segunda fase, cidades de países coma Brasil, China ou Corea do Sur, participarán no desenvolvemento e avaliación de ditas solucións.


Copyright 2012 © Grupo de Investigación Persona-Ambiente