Os días 25, 26 e 27 de xuño, no salón de actos da Fundación Luís Seoane, celebrarase a segunda reunión anual do consorcio internacional do proxecto H2020 SMARTEES. Abrirán a xornada o Catedrático de psicoloxía social e ambiental Ricardo García Mira, a Dra. Adina Dumitru (coordinadora do proxecto SMARTEES na UDC) e o Dr. Christian Klöckner (coordinador do proxecto, Universidade Noruega de Ciencia e Tecnoloxía – NTNU).

O proxecto de investigación europeo SMARTEES (Social Innovation Modelling Approaches to Realizing Transition to Energy Efficiency and Sustainability) ten como obxectivo apoiar a transición enerxética e mellorar o deseño de políticas a través do desenvolvemento de ferramentas sólidas e alternativas que promovan a inclusión dos cidadáns considerando as especificidades locais.
SMARTEES comezou o 1 de maio de 2018 e rematará en maio de 2021, cun total de 3 anos de duración. Esta reunión anual do proxecto SMARTEES ten como obxecto facer unha avaliación e seguimento do traballo desenvolvido ata o momento, presentando os resultados provisionais das investigacións desenvolvidas ata o momento sobre as innovacións sociais en materia de enerxía. O Grupo de Investigación Persona-Ambiente lidera o paquete de traballo dedicado ao deseño de escenarios políticos para a transición enerxética local, traballando con expertos en modelado de axentes como o Grupo de Investigación LIDIA da FIC-UDC, que tamén participa no proxecto SMARTEES.

O evento pretende ser un espazo de intercambio de experiencias e aprendizaxes entre os participantes. O día 26 de xuño, ás 11:00 horas desenvolverase unha sesión aberta ao público, nomeada “Energy Innovation Summit, ‘Fair and sustainable energy transitions in European cities and islands” onde participarán expertos en cambio climático como o catedrático Ricardo García-Mira e a exconcelleira de medio ambiente da Coruña, María García. Nesta sesión as cidades e illas involucradas no proxecto SMARTEES presentarán as innovacións enerxéticas desenvolvidas nos seus territorios, e debaterán sobre os retos plantexados para o fuuro. Contaremos coma participación de Zurich, Groningen, Malmö, Barcelona, Vitoria-Gasteiz, Timisoara, Aberdeen e as illas 100% renovables de Sämso e El Hierro.

O consorcio SMARTEES está coordinado pola Universidade Noruega de Ciencia e Tecnoloxía (NTNU) e reúne investigadores de sete universidades e centros de investigación europeos -Universidade da Coruña, Instituto James Hutton, Knowledge & Innovation, Universidade Johannes Kepler Linz, Universidade de Timisoara e Universidade de Groningen-, así como diversas institucións especializadas en transicións enerxéticas como ICLEI Europa, SAMSØ Energy Academy, e Urbanisland AB. Tamén participan en SMARTEES unha quincena de cidades europeas que son líderes na implantación de innovacións enerxéticas no eido local: Timisoara (Rumanía), Aberdeen (Escocia, UK); Groningen (Países Baixos); Zurich (Suíza) así como El Hierro, Vitoria-Gasteiz e Barcelona (España).

Máis información sobre o proxecto SMARTEES en: http://local-social-innovation.eu

TWITTER: @SMARTEESproject


Copyright 2012 © People-Environment Research Group