Esta semana celebramos na Facultade de Socioloxia da UDC un Ciclo Internacional de Conferencias sobre Cidade, Psicoloxía e Sustentabilidade, promovido polo Grupo de Investigación Persona-Ambiente, onde tivemos a ocasión de contar con investigadores de México, Arxentina e España, que formularon interesantes propostas sobre transformacións urbanas, apropiación espacial, xustiza e vulnerabilidade, solucións baseadas en natureza, seguridade e risco.

Tamén tivemos a ocasión de escoitar resultados de investigacións xa rematadas relacionadas coas iniciativas cidadás de consumo responsable e procesos psicolóxicos subxacentes, así como con estilos de vida sustentable e innovación social, desenvolvidas no noso Grupo de Investigación, como a tese de doutoramento da investigadora Isabel Lema, ou dos proxectos europeos GLAMURS e TRANSIT coordinados polo profesor García Mira.

Dúas xornadas intensas que centraron un emocionante debate sobre o futuro que queremos para a sustentabilidade das cidades.

Agradecemos á Facultade de Socioloxía e mais ao Vicerreitorado de Economía da UDC a súa colaboración, e sobre todo grazas aos ponentes Bernardo Jiménez (Universidad de Guadalajara, Méjico), Verónica Barrios (UDC), Ricardo García Mira (UDC), Natalia Echegoyemberry (Universidad de Buenos Aires), Isabel Lema Blanco (UDC), Francisco Rey (UDC) y Roberto Lage Regal (AESGA) pola súa participación.

uzzelUDC

A Universidade da Coruña investiu, o pasado 7 de novembro de 2019, doutor Honoris Causa ao profesor de psicoloxía ambiental da Universidade de Surrey (UK) David Lawrence Uzzell, vinculado dende hai case dúas décadas ao Grupo de Investigación Persona-Ambiente da Universidade da Coruña, a través das súas conferencias, clases, direccións de teses e colaboracións sobre psicoloxía ambiental na Facultade de Ciencias da Educación.

laudatio que o profesor Ricardo García Mira fixo de Uzzell mostrou con clareza as razóns académicas e científicas que levaron á facultade de Ciencias da Educación a promover o seu nomeamento como doutor honoris causa pola UDC, cuxo sobresaínte currículo como docente e como científico felicitou o Reitor da UDC, Julio Abalde na súa intervención.

Durante o acto, o profesor Uzzell fixo unha brillante exposición sobre como se ten que enfrontar a crise climática desde o punto de vista da psicoloxía social. Así, “a crise climática é un problema colectivo e só se pode solucionar de xeito colectivo“, afirma Uzzell, e a investigación en ccs sociais “demostra que non abonda coa información ou con depositar a esperanza do cambio de comportamentos individuais nas xeracións vindeiras”.

Porén, a cuestión “non é confiar nun futuro máis sustentable, senón a necesidade dunha transformación social urxente.  Non se trata de adiar a solución á maior información e sensibilidade ecoloxista dos nosos fillos, senón de actuar agora para que non sexan eles, precisamente, os que paguen o día de mañá as consecuencias da nosa inacción e da nosa neglixencia”.

Para o grupo de investigación Persona-Ambiente o pasado xoves foi un día moi importante pois a Universidade da Coruña recoñecía o traballo dun dos nosos estreitos colaboradores europeos, con quen traballamos man con man en proxectos europeos como LOCAW, GLAMURS, e as investigacións sobre o impacto do desastre do Prestige ou a vaga de incendios que asolou Galicia hai unha década.

Reseña de David Uzzell 

David Uzzell é psicólogo social e xeógrafo, catedrático de Psicoloxía na Universidade de Surrey, Reino Unido. Lidera un Grupo de Investigación en Psicoloxía Ambiental, actualmente é Profesor Visitante da Universidade de Umeå (Suecia). Foi Presidente da sociedade científica International Association for People-Environment Studies, así como representante da British Psychological Society na European Federation of Associations of Psychology.

A súa investigación inicial desenvolveuse na participación pública no proceso de planificación urbanística. Un segundo núcleo de contribucións teóricas tense centrado na conciencia das persoas sobre as actitudes e comportamentos en resposta á situación e entornos de risco e na vida en condicións de incertidume. As áreas investigadas incluíron a delincuencia en zonas urbanas e a configuración do transporte, o risco e a seguridade nos entornos recreativos, a percepción e a preocupación polo risco en contextos mineiros e enerxéticos. Un terceiro núcleo examinou o papel da identidade social e de lugar como unha variable que afecta ao fomento da acción ambiental.

Desde a dirección do Máster de psicoloxía ambiental na Universidade de Surrey, único en Europa, e do programa de doutoramento en psicoloxía aplicada, formou a xeracións de estudantes procedentes de máis de 40 países do mundo, tamén a investigadores da Universidade da Coruña que realizaron estadías de investigación no Departamento de Psicoloxía da Universidade de Surrey.

A relación do profesor David coa Universidade da Coruña comezou hai 22 anos, cunha visita á Facultade de Ciencias da Educación para impartir una conferencia. Desde entón, e durante todos estes anos veu colaborando con investigadores do Departamento de Psicoloxía da UDC, en investigación nacional e transnacional, sendo un asiduo visitante da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña.

No período 2002-2005, e tras o afondimento do petroleiro Prestige colaborou coa investigación sobre o desastre do Prestige, coordinada polo Prof. Ricardo García Mira, integrándose no dispositivo de resposta á traxedia constituído na Reitoría da Universidade da Coruña e coordinado desde a Vicerreitoría de Investigación. No período 2006-2007 colaborou tamén con este grupo de investigación na Comisión de Comunicación Social, creada para analizar o impacto social dos incendios de 1996 en Galicia, coordinada polo Profesor Xosé Luis Barreiro Rivas, e constituída no ámbito do Consello da Cultura Galega.


Copyright 2012 © People-Environment Research Group