Remata a tarde do 3 de Marzo coa clausura da xuntanza internacional “Dialogues on Theoretical Development and Modeling towards Sustainability” na Universidade da Coruña. A reunión, que durou dous días, reuníu na Coruña unha treintena de expertos europeos en materia de sustentabilidade. Dende diferentes ramas das Ciencias Sociais como a Economía e a Psicoloxía pero tamén dende a Enxeñería Informática ou a Ecoloxía Industrial, achegáronse posturas para seguir traballando no proxecto europeo GLAMURS, coordinado polo Profesor García Mira e que rematará en 2016.

Na sesión do día 3 debateuse sobre como integrar o traballo desenvolto polos diferentes equipos das 11 Universidades Europeas que participan no Consorcio de Glamurs, baixo o patrocinio do Programa Horizonte 2020 da Comisión Europea. En concreto traballouse no deseño dunha enquisa internacional, un modelado de futuro baseado en axentes e a análise econométrica, ferramentas que se desenvolveran nas seguintes etapas do proxecto. Tamén estas, ofrecerán as chaves para entender os estilos de vida sostibles xa presentes nas rexións nas que se centra Glamurs e como sería posible espallalas no continente europeo.

En concreto e ao longo do proxecto, afondarase no coñecemento de sete rexións e iniciativas punteiras na transición cara os estilos de vida sostibles en Europa. Entre estas lístanse os casos de Aberdeen e as iniciativas para reducir a dependencia do petróleo en Escocia, o cooperativismo en enerxías limpas na zona central de Alemaña, as ecoaldeas presentes en Timis (Romanía), as iniciativas agroecolóxicas e de construción sostible da zona do Danubio -bosque de Bohemia en Austria, as propostas de transición nos arredores de Rotterdam e a zona de Lazio en Italia. Pola súa parte, o Grupo de Investigación Persona-Ambiente, dirixido por García Mira, centrarase no estudo de iniciativas galegas que traballan na área de alimentación,consumo e produción de roupa sostibles.

Ademáis dos investigadores que desenvolven o seu traballo na institución coruñesa, as sesións de debate teórico deste obradoiro internacional contaron coa participación de expertos investigadores das seguintes universidades e centros de investigación: University of Bath (Reino Unido), James Hutton Institute (Escocia, Reino Unido), University of Roma Tre (Italia), Norwegian University of Science and Technology (Noruega), e a Universidad de La Laguna .

O día 2 de Marzo tivo lugar na Universidade da Coruña a primeira das sesións da xuntanza internacional “Dialogues on Theoretical Development and Modeling towards Sustainability”. Esta xuntanza ten como obxectivo consensuar as bases teóricas e variables que serán consideradas durante o desenvolvemento doproxecto europeo GLAMURS dende disciplinas como a psicoloxía, economía, ciencias políticas e enxeñería informática especializada en modelaxe e intelixencia artificial. Precisamente esta última disciplina centrará os debates de hoxe e mañá e buscarase avanzar na construción de modelos futuros sobre como poderían darse os cambios cara a estilos de vida con menor impacto ambiental en Europa.

O proxecto de investigación GLAMURS, que comezou en Xaneiro de 2014 e que rematará en 2016, está coordinado desde a UDC, polo Prof. Dr Ricardo García Mira e conta coa participación de 11 universidades europeas especializadas en temáticas ambientais e actúan baixo o patrocinio do Programa Marco de Investigación e Innovación da Unión Europea, ún dos máis prestixiosos a nivel internacional.

Ademáis, dos investigadores que desenvolven o seu traballo na institución coruñesa, as sesións de debate teórico deste obradoiro internacional contaron neste caso coa participación de expertos investigadores das seguintes universidades e centros de investigación: University of Bath (UK), James Hutton Institute (Scotland, UK), University of Roma Tre (Italy), Norwegian University of Science and Technology (Norway), e a Universidad de La Laguna .

O Sábado 28 de Febreiro e aproveitando a presenza de varios dos investigadores do Consorcio Europeo Glamurs, visitamos unha das iniciativas que o Equipo da UDC estudará dentro do Proxecto.  A ONG Equus Zebra, www.equuszebra.es/es/, adícase á integración e atención a inmigración na cidade herculina, pero é tamén unha iniciativa de reciclaxe de roupa e consumo sostible. O día 28, Victor Omgba, o seu presidente, nos explicou o funcionamento e actividades desta iniciativa e nos mostrou o día a día na sede central da ONG na Coruña, no barrio da Agra.

Os días 26 e 27 de Febreiro desenvolvéronse na UDC dúas sesións de formación metodolóxica en técnicas de análise cualitativa, concretamente no manexo do programa Atlas.ti para os investigadores de Glamurs. Estas sesións, impartidas polo profesor Eugenio de Gregorio, un experto na análise cualitativa e do discurso,  son parte do programa formativo do proxecto europeo Glamurs e buscan capacitar aos equipo nas técnicas mais innovadoras de análise cualitativa que se usarán no modelado dos cambios nos estilos de vida nas iniciativas de consumo e estilo de vida sustentable que se estudarán durante o proxecto.

O día 25 de Febreiro a Universidade da Coruña acolleu o obradoiro internacional “Back-casting scenario development”, sobre desenvolvemento de escenarios participativos, na sede do Grupo de Investigación Persoa-Ambiente e baixo a dirección do Prof. Ricardo García Mira, da Universidade da Coruña.

Este obradoiro constitúe a ferramenta principal a través da que este grupo de investigadores coordina e prové a formación especializada necesaria aos investigadores do consorcio europeo GLAMURS (Estilos de Vida Sustentable e Economía Verde) para o desenvolvemento dos escenarios de participación coas iniciativas de estilos de vida sustentable coas que traballan desde Xaneiro de 2014, ano en que se iniciou o desenvolvemento deste proxecto, coordinado desde a UDC, e no que participan 11 universidades europeas, baixo o patrocinio do Programa Marco de Investigación e Innovación da Unión Europea.

Ademáis dos investigadores integrados no consorcio como membros da UDC, este obradoiro internacional contou tamén con investigadores que viñeron desde Escocia, Austria, Romanía, Alemaña, Italia, Portugal e Holanda. Uníronse tamén algúns investigadores a través do sistema de teleconferencia de que dispón o grupo desde Leipzig (Instituto Helmoltz) e Magdeburg (Universidade de Magdeburg) en Alemaña.


Copyright 2012 © Grupo de Investigación Persona-Ambiente