Malia que cada vez hai máis preocupación pola sostibilidade, existe un gran descoñecemento do que significa este concepto a nivel práctico

Con esta afirmación iniciaba Ricardo García Mira, profesor de Psicoloxía Social e Ambiental na Universidade da Coruña e presidente de IAPS (International Association for People-environment Studies), a súa intervención na mesa redonda sobre o papel da educación ambiental na xestión dos residuos urbanos e que se enmarcou no curso promovido pola UIMP e desenvolvido en Ourense. Así, o pasado 3 de xullo Ricardo García Mira, aportando o seu coñecemento e experiencia na materia.No transcurso do seu relatorio, fixo especial fincapé na capacitación ambiental como clave para a promoción de condutas ecolóxicas responsables, potenciando e desenvolvendo habilidades para formar a cidadáns críticos e capaces de analizar os problemas.

Así mesmo, fixo especial mención de dous proxectos europeos de relevancia: LOCAW, que ten por obxecto identificar barreiras e potenciadores de conduta sostible no ámbito laboral; e GLAMURS, que indaga nos condicionantes que inflúen nas transicións cara a estilos de vida sostibles e transformacións cara a unha economía verde.

O relator iniciou a súa intervención definindo a sostibilidade como o “conxunto de accións que contribúen ao desenvolvemento dun sistema social e económico en equilibrio coa natureza”, formulando, entre outras, algunhas preguntas de interese para o auditorio e que, en todo caso, se referían á resposta institucional ao reto da sostibilidade, ás condutas que os cidadáns están dispostos a cambiar, á relación da sostibilidade coa participación de traxectorias baixas en carbono, aos límites e restricións aos que se debe facer fronte e ao papel que, neste contexto, xogan as institucións e organizacións públicas e privadas.

Fixo especial fincapé na capacitación ambiental como clave para a promoción de condutas ecolóxicas responsables, potenciando e desenvolvendo habilidades para formar a cidadáns críticos e capaces de analizar os problemas, as causas, as consecuencias e as alternativas de solución, asumindo estratexias comunitarias para poñer en práctica estilos de vida sostibles. Non obstante, recoñeceu que, malia que cada vez hai maior preocupación co tema da sostibilidade, existe un gran descoñecemento do que significa este concepto en termos prácticos, poñendo de relevo que as empresas aínda non interiorizaron a forma de integrar nos seus sistemas produtivos os principios do desenvolvemento sostible.

Así mesmo, e en relación aos valores e normas na configuración de traxectorias de sosteibilidade, manifestou que a xente pasa unha parte importante da súa vida no traballo, sendo este un lugar no que os valores conviven coas normas e prácticas cotiás, onde se manifestan identidades e onde o comportamento sostible se promove ou restrinxe, de aí a maior atención que está a recibir a creación de sofisticadas metodoloxías, tanto cualitativas como cuantitativas, de elaboración de modelos para entender mellor as relacións entre as persoas e o seu ambiente.

PROXECTOS EUROPEOS LOCAW E GLAMURS

Neste escenario, García Mira referiuse ao proxecto LOCAW (LOw Carbon At Work), que ten por obxecto proporcionar unha análise das prácticas habituais nos lugares de traballo, identificando factores que promoven ou caracterizan transicións cara a patróns sostibles de produción e consumo, e identificando barreiras e potenciadores de conduta sostible no ámbito laboral.

Entre as conclusións provisionais desta iniciativa, aludiu á importancia das normas persoais na determinación da conduta proambiental, a conciencia ambiental por parte dos traballadores,  sendo pouco común o cambio iniciado por estes, e a gran distancia existente entre as políticas medioambientais dirixidas pola organización e a percepción dos empregados, circunstancia que se debe, entre outros factores, a unha comunicación deficiente.

É por iso que se mostra partidario de que a prioridade das organizacións estea dirixida cara a creación de estruturas participativas que contribúan ao empoderamento, a motivación e o coñecemento das medidas medioambientais.

Fixo tamén mención do proxecto GLAMURS, dirixido a indagar nas interaccións complexas entre condicionantes económicos, sociais, culturais, políticos e tecnolóxicos que inflúen nas transicións cara a estilos de vida sostibles e transformacións cara a unha economía verde, implicando a expertos en política, economistas, ecólogos industriais, psicólogos sociais e modeladores dos axentes.


Copyright 2012 © Grupo de Investigación Persona-Ambiente