Decrecemento, participación e coidados: Xerando visións de futuro para a transición cara á sostibilidade en Galicia.

Se alguén lles preguntase como imaxinan Galicia no ano 2040, por onde empezarían? Seríalles doado contestar? Se paran a pensalo e botan man dalgunhas das proxeccións a futuro do INE ou IGE ás que maior difusión se lle ten dado, é fácil que lles veñan á mente ideas como a perda de poboación, abandono do rural, envellecemento ou concentración no Eixo Atlántico. Os datos amosan que a demográfica é unha das crises ás que maior atención teremos que prestar como sociedade antes de espertar no 2040 e darlle paso á seguinte xeración. A pregunta que sería lóxico facerse a continuación é: e como facemos fronte a esa anunciada catástrofe que se nos vén encima? cales son os medios dos que dispoñemos e quen debería ter a responsabilidade de buscar solucións? O goberno central, a Xunta, a sociedade civil, a Unión Europea?

Dentro desta lóxica de exploración prospectiva  é onde se enmarca o primeiro dos Obradoiros de Xeración de Visións de Futuro que tivo lugar o Sábado día 12 de Decembro na Fundación Luís Seoane da Coruña como parte do Proxecto Europeo GLAMURS, que estuda estilos de vida sustentables e as posibilidades de xeneralización dun modelo de economía verde na Unión Europea e no que participan 11 centros de investigación europeos, baixo a coordinación do Grupo de Investigación Persoa Ambiente da Universidade da Coruña .

O obxectivo deste evento, foi o de construír unha visión de futuro desexado sobre como podería ser Galicia máis sustentable no ano 2040.  Os resultados servirán para dar apoio á elaboración de políticas de sustentabilidade en Galicia e compararanse cos obtidos doutros 6 países da Unión Europea, onde durante as próxima semanas outros equipos de investigación que forman parte do Consorcio de Investigación Glamurs encargaranse de levar a cabo seminarios homólogos.

No noso caso, contamos coa participación dunha vintena de persoas que traballaron de maneira destacada para a sustentabilidade no ámbito galego desde espazos como Centros de Educación Ambiental como o CEIDA ou a Granxa Barreiros de Sarria; a Xunta de Galicia; gobernos locais; as Universidades Galegas, Asociacións Ecoloxistas como ADEGA, Grupos de Desenvolvemento Local; Grupos de Consumo como Zocamiñoca, Fundacións ou Empresas.

No obradoiro do pasado sábado empregouse unha metodoloxía participativa que se enmarca dentro dos chamados Estudos Transicionais denominada de “back-casting” ou de retrospección. Consiste en construir colaborativamente unha visión de futuro situada na Galicia de 2040 e logo mirar cara atrás para definir a folla de ruta e pasos necesarios para chegar ata o primeiro.

A través do uso desta técnica, que se leva empregando dende os anos 70 no desenvolvemento de estratexias para o uso de enerxías limpas en Canadá, a definición de axendas de investigación no Reino Unido ou por parte de varios gobernos locais en Suecia, preténdese identificar cales son os cambios a nivel tecnolóxico, de estilos de vida, de comportamento e institucionais necesarios para que ter unha Galicia máis sustentable en 2040 poda ser realidade.

Entre os principais trazos da Galicia sustentable de 2040 que se empezou a construír o pasado sábado destacaron a capacidade de participación da cidadanía e a súa autonomía a través de institucións políticas autónomas que existirían nese futuro;  uns usos do tempo e relacións laborais totalmente transparentes e abertas; onde habería máis flexibilidade de elección e  a xornada laboral adaptaríase ás necesidades das persoas;  a relocalización da produción e o consumo, onde cada territorio aumentaría o seu grao de autoabastecemento e apostaríase por produtos de proximidade e  con criterios ecolóxicos. Para asegurar a sustentabilidade futura, os nosos invitados sinalaron a necesidade do decrecemento e do fomento fórmulas cooperativas como compartir coche ou medios de produción. Por último, o coidado e respecto do medio ambiente sería clave nese 2040.Todos estes cambios pasarían por un cambio integral do modelo educativo, que pase a ser entendido como un proceso comunitario e ao longo da vida para a formación do espírito crítico e reflexión.

O taller que se desenvolveu o pasado día 12 terá unha segunda parte o 13 de Febreiro de 2016, na que se traballará sobre as medidas concretas e actores necesarios para que ese futuro sustentable que empezou a esbozarse, poda ser viable.

Unha vez pasado Febreiro difundiranse os resultados de ambas as sesións co obxectivo de contribuír a abrir o debate sobre a sustentabilidade para o futuro de Galicia. Esperemos que entón, unha vez lean as conclusións, se alguén lles pregunta como se imaxinan o noso territorio no futuro, lles sexa máis fácil contestar. Ata entón, convidámoslles a facer o exercicio mental de pensalo e seguir os avances do proxecto na nosa páxina web: http://www.people-environment-udc.org/gl/investigacion/


Copyright 2012 © Grupo de Investigación Persona-Ambiente