Nov
08
Encontro internacional sobre estratexias ante as ameazas do clima e os conflitos
O CITEEC acollerá o terceiro encontro organizado polo grupo Persoa-Ambiente da UDC sobre a urxencia de mitigar estes riscos.
Os días 13 e 14 de novembro, de 9:30 a 18:30, celebrarase o III Encontro Internacional de Investigación organizado polo grupo de investigación Persoa-Ambiente da Universidade da Coruña. Baixo o nexo común de “Estratexias para mitigar as ameazas e riscos provocados polo clima e os conflitos”, reuniranse investigadores de España, Brasil, México, Estados Unidos, Gran Bretaña e Palestina.
Desde unha perspectiva multidisciplinar, o encontro abordará temas relevantes e variados. O día 13 trataranse temas relacionados cos impactos do cambio climático na saúde e a necesidade de adoptar estilos de vida máis sostibles, ata as relacións entre o urbanismo e a arquitectura co clima, pasando pola transición enerxética e a sustentabilidade.
O día 14 exporanse outros temas relacionados cos conflitos bélicos máis actuais, así como a xestión de emerxencias e a resposta habitacional nestes casos. Contarase con dúas expertas sobre o conflito de Gaza, que mostrarán a realidade actual e a necesidade de contribuír cunha proposta de proxecto para contribuír á planificación do territorio e á vivenda de reasentamento para a poboación desprazada polo conflito.
Esta edición chega nun momento no que, desgraciadamente, as circunstancias do desastre da DANA en Valencia trouxeron á actualidade cidadá española a importancia do coñecemento científico. A investigación é necesaria tanto para previr como para mitigar os riscos xerados polo clima e os conflitos. Por iso, desde o grupo de investigación Persoa-Ambiente desexan que as persoas interesadas nestes temas acudan ás xornadas do encontro. A asistencia é libre e gratuíta ata completar o aforo, pero require inscrición previa a través do correo cristina.garcia.fontan@udc.es.
Descarga o programa aquí