Nov
11
A Universidade da Coruña investiu, o pasado 7 de novembro de 2019, doutor Honoris Causa ao profesor de psicoloxía ambiental da Universidade de Surrey (UK) David Lawrence Uzzell, vinculado dende hai case dúas décadas ao Grupo de Investigación Persona-Ambiente da Universidade da Coruña, a través das súas conferencias, clases, direccións de teses e colaboracións sobre psicoloxía ambiental na Facultade de Ciencias da Educación.
A laudatio que o profesor Ricardo García Mira fixo de Uzzell mostrou con clareza as razóns académicas e científicas que levaron á facultade de Ciencias da Educación a promover o seu nomeamento como doutor honoris causa pola UDC, cuxo sobresaínte currículo como docente e como científico felicitou o Reitor da UDC, Julio Abalde na súa intervención.
Durante o acto, o profesor Uzzell fixo unha brillante exposición sobre como se ten que enfrontar a crise climática desde o punto de vista da psicoloxía social. Así, “a crise climática é un problema colectivo e só se pode solucionar de xeito colectivo“, afirma Uzzell, e a investigación en ccs sociais “demostra que non abonda coa información ou con depositar a esperanza do cambio de comportamentos individuais nas xeracións vindeiras”.
Porén, a cuestión “non é confiar nun futuro máis sustentable, senón a necesidade dunha transformación social urxente. Non se trata de adiar a solución á maior información e sensibilidade ecoloxista dos nosos fillos, senón de actuar agora para que non sexan eles, precisamente, os que paguen o día de mañá as consecuencias da nosa inacción e da nosa neglixencia”.
Para o grupo de investigación Persona-Ambiente o pasado xoves foi un día moi importante pois a Universidade da Coruña recoñecía o traballo dun dos nosos estreitos colaboradores europeos, con quen traballamos man con man en proxectos europeos como LOCAW, GLAMURS, e as investigacións sobre o impacto do desastre do Prestige ou a vaga de incendios que asolou Galicia hai unha década.
Reseña de David Uzzell
David Uzzell é psicólogo social e xeógrafo, catedrático de Psicoloxía na Universidade de Surrey, Reino Unido. Lidera un Grupo de Investigación en Psicoloxía Ambiental, actualmente é Profesor Visitante da Universidade de Umeå (Suecia). Foi Presidente da sociedade científica International Association for People-Environment Studies, así como representante da British Psychological Society na European Federation of Associations of Psychology.
A súa investigación inicial desenvolveuse na participación pública no proceso de planificación urbanística. Un segundo núcleo de contribucións teóricas tense centrado na conciencia das persoas sobre as actitudes e comportamentos en resposta á situación e entornos de risco e na vida en condicións de incertidume. As áreas investigadas incluíron a delincuencia en zonas urbanas e a configuración do transporte, o risco e a seguridade nos entornos recreativos, a percepción e a preocupación polo risco en contextos mineiros e enerxéticos. Un terceiro núcleo examinou o papel da identidade social e de lugar como unha variable que afecta ao fomento da acción ambiental.
Desde a dirección do Máster de psicoloxía ambiental na Universidade de Surrey, único en Europa, e do programa de doutoramento en psicoloxía aplicada, formou a xeracións de estudantes procedentes de máis de 40 países do mundo, tamén a investigadores da Universidade da Coruña que realizaron estadías de investigación no Departamento de Psicoloxía da Universidade de Surrey.
A relación do profesor David coa Universidade da Coruña comezou hai 22 anos, cunha visita á Facultade de Ciencias da Educación para impartir una conferencia. Desde entón, e durante todos estes anos veu colaborando con investigadores do Departamento de Psicoloxía da UDC, en investigación nacional e transnacional, sendo un asiduo visitante da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña.
No período 2002-2005, e tras o afondimento do petroleiro Prestige colaborou coa investigación sobre o desastre do Prestige, coordinada polo Prof. Ricardo García Mira, integrándose no dispositivo de resposta á traxedia constituído na Reitoría da Universidade da Coruña e coordinado desde a Vicerreitoría de Investigación. No período 2006-2007 colaborou tamén con este grupo de investigación na Comisión de Comunicación Social, creada para analizar o impacto social dos incendios de 1996 en Galicia, coordinada polo Profesor Xosé Luis Barreiro Rivas, e constituída no ámbito do Consello da Cultura Galega.