GLAMURS no Salón Ecolóxico EcoGalia: “É tan difícil levar un estilo de vida sustentable? Achegas desde a investigación académica para desmontar tópicos.”

O Sábado 22 de Outubro, o Grupo de Investigación Persoa-Ambiente da Universidade da Coruña organizou unha presentación, seguida de varios coloquios, sobre as implicacións e resultados do Proxecto GLAMURS na adopción de estilos de vida máis sustentables. Este acto tivo lugar dentro do marco de actividades en relación á ecoloxía, o medio ambiente, a sustentabilidade e a eco-calidade de vida que o Salón Ecolóxico EcoGalia programou durante os tres días que durou o evento na cidade de A Coruña.

O Proxecto GLAMURS estivo representado por Adina Dumitru -coordinadora do proxecto- e o seu equipo de investigación, que presentaron unha aproximación aos factores psicolóxicos e sociais que inflúen nos estilos de vida sustentables e no benestar, así como a súa pegada ecolóxica e o rol das iniciativas cidadás na súa promoción. Unha idea relevante que xurdiu garda relación co feito de que independentemente da cultura economicista na cal vivimos, existe un consenso en que o tipo de actividades que a xente máis desexaría facer ten que ver con aspectos non materiais ou economicistas, os cales son claves para o benestar e están incluidos dentro do que consideramos estilos de vida sustentables. Do mesmo xeito, contouse coa participación de Araceli Serantes Pazos -experta en Educación Ambiental da Universidade da Coruña- que falou da importancia da educación ambiental e destacou o feito de que os recursos polos cales competimos son limitados, sendo a educación para un desenvolvemento sustentable unha ferramenta fundamental na promoción de estilos de vida sutentables. Ademáis, contouse coa participación de Marcial Blanco Castelos -pertencente ao Grupo de Consumo Responsable e Consciente Zocamiñoca- quen aportou a súa visión sobre cada un dos temas plantexados, resaltando os beneficios que unha persoa pode ter como resultado de participar en iniciativas cidadás como Zocamiñoca, e superar deste xeito as barreiras que adoitamos ter cando se trata de cambiar o noso estilo de vida.

Ademais das presentacións, desenvolveuse un coloquio cos participantes, que expresaron as súas opinións sobre barreiras aos estilos de vida sustentables. Mais a participación de GLAMURS non se limitou só a esta presentación de resultados e coloquio, xa que durante os tres días que durou o evento, organizamos unha actividade na cal o público asistente á feira puido deixar por escrito e compartir cos demáis as súas motivacións e barreiras para cambiar cara un estilo de vida máis sustentable. O deseño desta actividade tivo a súa orixe nunha idea que desenvolveu o equipo de investigación do James Hutton Institute, socio no Proxecto GLAMURS, en Aberdeen (Escocia). As ideas que se puideron recoller a través desta actividade no Salón Ecolóxico EcoGalia permiten ver como as persoas continuamos atopando barreiras relacionadas coa falta de tempo e de cartos para poder levar unha vida sustentable, e barreiras tamén relacionadas coa falta de conciencia, educación e información para promover un cambio cara alternativas de consumo máis sustentables. Por outra banda, as motivacións que se puideron recoller están centradas na búsqueda dunha mellora da saúde e da calidade de vida como beneficio persoal, e en promover unha sociedade orientada cara un consumo responsable e consciente contribuindo á sustentabilidade no planeta.


Copyright 2012 © Grupo de Investigación Persona-Ambiente